Quen somos?

Somos un centro concertado Plurilingüe e Plurinfantil, con ensinanzas nos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. Recenetemente, contamos tamén cunha aula de Necesidades Específicas de Apoio Educativo. A titularidade é unha Sociedade Anónima Laboral denominada ENSEDUCA S.A.L, de iniciativa e economía social.

Presentámonos coma colexio aberto e familiar, en contacto coa natureza,  preocupado pola calidade do ensino, pola educación en valores e emocións e polo respecto a todos os seres vivos. Perseguimos a formación integral do noso alumnado, en palabras de Carmen Díez Navarro (2007): “ El oficio de la escuela es acoger, respetar los encuentros, dar aliento, alimento y corage a las ganas de saber, de averiguar y de estar con otros en la vida.”

Intentamos renovarnos día a día, a través do coñecemento, uso e implementación de tecnoloxías e metodoloxías educativas activas, que permitan ao noso alumnado medrar en liberdade de conciencia e adquirir un espírito crítico e tolerante cara o mundo que nos rodea.

Somos conscientes de que a sociedade evoluciona a unha velocidade de vertixe, polo que debemos facer un esforzo diario por adaptarnos os cambios que van xurdindo e así ofrecerlle ao noso alumnado a interiorización e posta en práctica dos conceptos, procedementos e actitudes necesarias para desenvolverse nesta sociedade tan cambiante, sempre da man de toda a Comunidade Educativa.

Fundamentamos o noso proxecto educativo partindo do estudo de metodoloxías activas e participativas así como da deteccción e atención das necesidades individuais de cada alumno e alumna. Para isto estudamos  e valoramos diferentes correntes que, con gran impacto social, irrompen no eido da educación, tales como as pedagoxías Montessori, Waldorf, Reggio Emilia, Flipped Classroom… Preocupámonos por coñecer os proxectos que se levan a cabo en distintos centros educativos, estudámolos, valorámolos en consenso e adaptámolos á nosa peculiar realidade.

UN CENTRO ABERTO E PARTICIPATIVO

ABERTO ÁS FAMILIAS:

Os familiares, colaboran e camiñan ao noso lado, nunha etapa evolutiva tan importante para os seus fillos e fillas. O noso alumnado entra con 3 anos e marcha con 16, cando rematan   4º E.S.O.

Fomentamos o trato cordial entre mestres e mestras, pais e nais, que poden acudir ao centro, previa cita, para interesarse polos avances dos seus fillos e fillas. Os de Educación Infantil diariamente teñen un  contacto directo para comentar as vivencias diarias.

Programa de pais colaboradores:

Os pais, nais, avós e avoas participan en actividades como a organización dalgunhas actividades: as hortiñas, obradoiros, charlas, preparativos….

ABERTO Á CONTORNA:

Para que o alumnado respecte e valore  o seu entorno debe coñecelo, programamos distintas actividades para que así sexa, como as visitas a distintos espazos públicos: Biblioteca, Museos, Mercado, Oficina de correos, Policía local, Supermercados….

Participamos nas distintas actividades que oferta o Concello e, sobre todo, dende o equipo de Normalización Lingüística: Semana do Teatro, Semana da Educación, asistimos a distintas actividades segundo as  festividades (Día das Letras Galegas, Día Internacional da Muller, Día da Paz…)

Participamos en obradoiros: Igualdade de Xénero, Cancro, Novas Tecnoloxías, Sexualidade ou Drogas…

ABERTO A PROGRAMAS DE COLABORACIÓN CON OUTRAS ENTIDADES EDUCATIVAS:

Centro Británico de Santiago: Ofrécenos distintas actividades lúdicas que favorecen a aprendizaxe da primeira lingua estranxeira que estudan os nosos alumnos e alumnas.

Distintas Universidades, polas que os futuros profesionais de educación veñen a facer prácticas ao noso colexio.

Renacer: Acode ao centro anualmente para ofrecernos distintos obradoiros.

Amicos.: Participamos en actividades que favorecen a integración do alumnado.

OS CIMENTOS QUE SUSTENTAN O NOSO PROXECTO

A comunidade educativa está composta polo persoal que traballa no centro,  polas familias e, por suposto, polo noso alumnado, que é o protagonista e construtor da súa aprendizaxe. O docente encárgase de organizar e favorecer a aprendizaxe, dende un papel secundario, guía, conduce, motiva, facilita e acompaña neste proceso.  Pero o resto dos membros da comunidade deben confiar e colaborar nos distintos proxectos do centro.

Vivimos nun mundo globalizado, por iso é importante a adquisición das competencias clave por parte da cidadanía como condición para lograr que os individuos alcancen un pleno desenvolvemento persoal, social e profesional. Ao longo do curso promovemos distintas actividades e proxectos para que o noso alumnado acade satisfactoriamente as distintas competencias clave.