ENSINANZAS

1.Educación Infantil

O noso centro conta con tres unidades de Educación Infantil, que se corresponden co segundo ciclo desta primeira etapa educativa e que comprende dos tres aos seis anos de idade.

Dispoñemos de tres aulas con aseo propio ( 4º, 5º e 6º) dotadas con ordenador,  pantalla dixital e proxector. Ditas instalación teñen entrada propia, xa que están  nunha área independente ao resto das etapas educativas. O alumnado accede ao centro pola  súa propia zona de lecer e de recreo externo, onde están instalados xogos axeitados ás súas idades.

Tamén contamos cunha aula de usos múltiples de educación infantil onde, ademais da parte académica se levan a cabo actividades formativas con carácter complementario e extraescolar.

2.Educación Primaria

Dispoñemos de seis unidades de Educación Primaria, correspondentes aos seis cursos académicos de idades comprendidas entre os seis e os doce anos. As nosas instalacións interiores están formadas por seis aulas nas que se imparte a formación ordinaria de cada curso,  os aseos e o salón de usos múltiples, este último utilizado tanto polo alumnado de  Primaria como polo de Secundaria, pois é o lugar no que celebramos os diferentes eventos relacionados coa vida escolar .  Cada aula conta con material dixital propio como ordenador, pantalla dixital, equipo de son e proxector.

Esta etapa educativa conta tamén con departamento propio e aula específica de Audición e Linguaxe e Apoio Educativo. Completan as áreas interiores, as instalacións situadas na parte inferior da edificación do centro: o ximnasio e a sala de materiais deportivos. Estas instalacións están dotadas igualmente de aseos, duchas e vestiarios. Nesta área inferior do edificio atópase tamén a clase de baile á que se accede directamente dende o exterior. O ximnasio é utilizado  como aula de Educación Física e cando o tempo non permite usar os patios exteriores, habilítase como patio cuberto de recreo.

3.Educación Secundaria Obrigatoria

As aulas de Educación Secundaria Obrigatoria están situadas na planta superior do edificio. Contamos con catro unidades de Secundaria, que se corresponden cos catro cursos académicos que abrangue esta etapa educativa, nos que están matriculado o alumnado de idades comprendidas entre os doce e os dezaseis anos. Todas as aulas están dotadas con encerado dixital, proxector e ordenador.

4.Necesidades específicas de apoio educativo: Aula Xoaniña.

A Aula Xoaniña é o noso espazo de intervencións, tanto individuais como en pequenos grupos e tanto a nivel cognitivo como socioemocional e afectivo.

    5. Centro plurilingüe

    No curso 2015/2016 entramos a formar parte da Rede de Centros Plurilingües de Galicia, o que implica que cada curso, a través deste programa, adscriben a unha nova persoa nativa inglesa ao noso colexio. Un ou unha auxiliar de conversa, que interactúa a diario con alumnado e profesorado e que nos permite poder achegarnos á realidade vencellada ao idioma e mellorar a nosa competencia lingüística e comunicativa en lingua inglesa.