A nosa Historia:
O noso é un centro con moita historia detrás. Xa cumprimos anos, moitos anos. O noso fundador, Don Carlos García Bayón, comezou a semente do que hoxe é o Colexio Bayón pois en Padín, daba clases particulares mais non obtivo a autorización provisional ata o ano 1946.
Máis tarde, xa casado con Dona Lola Ares Prego, tamén docente, trasladan o centro a unhas novas instalacións da súa propiedade, na rúa Miguel Rodríguez Bautista, xa con autorización definitiva en 1967.
Don Carlos é o director fundador ata 1970, ano no que asume a dirección Dona Lola. Esta cesa por enfermidade a súa labor de mestra e directora e asume a Dirección e Administración do colexio Don Ramón Triñanes Lustres en 1986.
Salvando as distancias, o tempo e as novas Leis de Educación, o Colexio Bayón segue vencellado á súa traxectoria e ás directrices do comezo, adaptándose ás necesidades das novas xeracións, da sociedade actual e do “aquí e agora”, que é, en definitiva, a clave que nos indica o camiño a seguir.
É neste intre, coa finalidade de adaptarse aos novos tempos, necesidades, demandas sociais, novas leis educativas e ante a imposibilidade de adecuar as instalacións ás novas esixencias lexislativas, o profesorado constitúese nunha Empresa de Economía Social, unha Sociedade Anónima Laboral denominada ENSEDUCA, acrónimo de “ensinanza e educación” (1993).
D.Carlos cede a titularidade á sociedade formada polo profesorado, que en 1994 comeza a construción das novas instalacións do actual centro educativo, situado no lugar de Cubeliños. XA en 1995 inaugúrase o novo centro, co inicio do novo curso escolar.
No ano 2000 incorpórase ao equipo directivo Ana García Ares, quen vai a exercer o cargo de Xefa de Estudos e Secretaria. Nesta época o centro experimenta grandes cambios e transformacións, debido á oferta de novos servizos e á adaptación que, tanto a nivel empresarial , organizativo, educativo, laboral e de réxime interno, implica a nova Lei de Educación LOXSE coa incorporación de novos docentes
En febreiro de 2009 Vicente R. Fernández García substitúe nos cargos de director do centro e administrador da sociedade a Ramón Triñanes Lustres, quen vai a asumir de novo este último cargo en setembro de 2012. Neste período o centro aposta polo deporte, participando en todas as actividades deportivas promovidas por distintas asociacións e clubs, sobre todo o atletismo. Vicente falece o 25 de agosto do 2015, pero a súa pegada no deporte queda reflectida na carreira de campo a través , Memorial Vicente R Fernández, que se celebra cada ano na súa homenaxe.
No curso 2014-2015 o centro estrea novo equipo directivo, integrado por Jorge Parada Rivas como director pedagóxico e Lourdes Santos Paz, exercendo como Xefa de Estudos e Secretaria.
Con motivo do centenario do nacemento do noso fundador, decidimos dedicarlle un recunchiño moi especial do noso centro, a “Biblioteca de Don Carlos e Dona Lola”, un lugar onde atopamos o seu legado. No mes de novembro de 2014 invitamos a todos os membros antigos e actuais da nosa comunidade escolar a dito evento.
Neste período, o colexio convértese primeiramente en bilingüe e posteriormente en plurilingüe e plurinfantil e, xunto coa titularidade, instauran o posto de “auxiliar de conversa” en lingua inglesa. Tamén se dixitaliza o centro, incorporando a todas as aulas pantallas ou encerados dixitais e promóvese o uso de distintas plataformas para integrar as novas tecnoloxías no proceso de ensinanza-aprendizaxe do día a día.
Adquírese unha parcela de 3000 m2 a carón do centro, que se converterá en aparcadoiro para as familias.
No curso 2018-2019 incorpórase ao equipo directivo Ma Carmen Vidal Barral, primeiramente como apoderada e posteriormente, en novembro de 2019, como administradora por xubilación do titular, Ramón Triñanes Lustres.